Colleita de opiniois: Galicia ye trilingüe

Por Xosé Henrique Costas

Galicia ye trilingüe

Nun artigo anterior (23/3/23) denunciabamos que o Goberno asturiano, desnortado e confundido pola directiva da Academia de la Llingua Asturiana (ALLA), empregaba o Glotónimo eonaviego para agochar a tipoloxía lingüística do falado entre os ríos Eo e Navia: galego(-portugués). De feito, o presidente asturiano, Adrián Barbón, publicou esta cuarta feira, 20 de setembro, un chío onde dicía que “Entre el Navia y el Eo no se habla gallego. Se habla fala eonaviega (sic). Y da gusto escuchar a la gente de aquellos concejos hablarla con naturalidad, pues se trata de su lengua materna”. Para a ALLA e para o Goberno asturiano, pois, todo o que se fale en Asturias é asturiano, confundindo propositadamente xentilicio con Glotónimo.

Como sinalaba a Real Academia Galega (RAG) en xaneiro do 2021, a tradición dialectolóxica asturiana, hispánica e románica sempre considerou que na zona Eo-Navia se fala unha variedade do galego, non do asturiano, e esta é a consideración xeral entre os lingüistas. Mesmo a ex presidenta da ALLA, a romanista Ana Cano, no Informe so la llingua asturiana (1987), afirmaba que no Eo-Navia “fálase una variedá del gallegu de Lugo”. Pero desde hai uns anos a ALLA, nos seus delirios distópicos, quere rachar a machada todo vencello co galego comezando polo nome, porque chamarlle “galego-asturiano” –única denominación legal e oficial en Asturias–, agora seica ten “connotacións pexorativas” (sic), segundo dixo hai pouco a propia Ana Cano.

O galego de Asturias

Pero hai máis: no BOE do pasado 17 de agosto publícase o Decreto 67/2023 que establece a estrutura orgánica da Presidencia de Asturias; nel comprobamos que dentro da Viceconsejería de Cultura, Política Lingüística y Deporte figuran órganos e estratexias de normalización só para o asturiano (en oito ocasións) e que o galego de Asturias sempre aparece dentro da secuencia “lengua asturiana y eonaviego en su ámbito”. É dicir, para o Goberno asturiano só hai unha verdadeira lingua asturiana, e logo nun curruncho occidental hai unha fala chamada “eonaviego”, tratada sempre como un apéndice pobrín e subalterno do “bable/asturiano” (así tamén oficialmente).

Hai zonas da Galiza onde se fala o “eonaviego”, ese OFNI (obxecto Filolóxico non identificado) que discorreron os prebostes da Academia asturiana. 

 
 

Invisibilidade total

Disfrazan o galego de Asturias para que non pareza o que é, pero despois só promocionan o asturiano e esquecen ou inferiorizan o aferrollado “eonaviego”: véxanse os orzamentos para cada unha das linguas ou os usos das webs do Principado ou da Universidá de Uviéu etc., só en español e asturiano. A invisibilidade é total. Mesmo os libros galegos non poden circular alá porque son sospeitosos de “expansionismo galego”. Esperpéntico. Por certo, este verán a Universidade de Vigo lanzou o volume: Literatura Galegoasturiana, con case 200 autores, editado por Xoán Babarro,  Suso Fernández Acevedo e Rita Bugallo.

No Concello de Negueira de Muñiz, e nalgunhas partes de Navia de Suarna, A Fonsagrada e Ribadeo, a variedade galega alí falada é a mesmiña de Vilanova, Santalla, A Veiga, Castropol, Eilao, Ibias, etc. É un galego oriental (92%) con algún trazo de seu ou coincidente co asturiano (8%). Mais agora, grazas á intelligentsia da ALLA e á ignorancia do Principau d’Asturies, sabemos que Galicia ye trillingüe! porque, á parte de galego, hai zonas onde se fala o “eonaviego”, ese novo OFNI (obxecto Filolóxico non identificado) que discorreron os prebostes da ALLA para o faceren depender dela.

Galegofobia

Atentando dese xeito contra a nosa lingua, que é tamén a de 37.000 asturianos, como pode ser posible que profesores e investigadores en Filoloxía Galega e especialistas galegos noutras disciplinas colaboren, inviten, abracen ou teñan a mínima relación profesional con eses galegófobos negacionistas? Terían relación tamén cun pertinaz maltratador que presume de seguir a maltratar? Por que son tan condescendentes con quen nega a existencia da nosa lingua en Asturias condenándoa a un exterminio amable? Ese colaboracionismo é incomprensible e imperdoable. Non hai cientifismo nin academicismo que o xustifiquen.

Alén diso, saberán os dirixentes do PSdeG-PSOE (entre eles o deputado Xosé Ramón Gómez Besteiro, que tanto orgullo mostrou no Congreso ao usar o galego) que a FSA-PSOE de Adrián Barbón participa moi activamente no exterminio amable do galego en Asturias a instancias dunha Academia asturiana rexida pola demencia galegofóbica? Se o saben e non fan nada serán moi pouco cribles cando din “amar e defender o galego”.

XOSÉ-HENRIQUE COSTAS 23/SET./23

Comparte

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *