Colleita de opiniois. Lapao ou latgaliano no Eo-Navia

Por Xosé Henrique Costas

Lapao ou latgaliano no Eo-Navia

(Nós diario, 23/03/23)

En 2013, o goberno do PP presidido por Luisa Fernanda Rudi aprobou unha nova Lei de Linguas de Aragón. Nela desaparecía toda referencia ao catalán da Franja del Ponent e no seu lugar renxía o acrónimo Lapao (Lengua Aragonesa Propia del Aragón Oriental). E todo para evitar a palabra maldita: catalán. Esa lei tamén creaba unha Academia Aragonesa de la Lengua que tutelaría todas as linguas e modalidades de Aragón: aragonés, catalán (perdón, LAPAO) e o que lle botasen.
No occidente de Asturias, entre o río Eo e o río Navia e a Serra del Palo, toda a filoloxía estableceu que se falaba galego. Onde decían “eu móvoche os coches das vosas terras” era galego, e onde decían “yo muévote los coches de les vuestres tierres” asturiano. Mais no estatuto de autonomía de Asturias (1982) non se mencionou para nada o galego e si o “bable y sus variantes”.
Os falantes do Eo-Navia sempre se referiran ao seu galego co Glotónimo fala ou con xentilicios locais, pero nos estatutos da Academia de la Llingua Asturiana (ALLA) e na Lei de uso y protección del bable/asturiano (1998) botouse man da etiqueta gallego-asturiano, difundida por Dámaso Alonso para describir un galego oriental con algúns trazos asturianos. Esta noción foi retorcida pola ALLA para se referir a un continuum de transición que mestura trazos comunes coles dues llengües (sic), afirmando que ye un prexuiciu gratuitu y faltu de rigor que la variedá falada nel Navia-Eo ye gallego (sic). E como toda lingua de Asturias (“bable y sus variantes”) ten como academia a da llingua asturiana. Delirante.
Así, en 1996 a ALLA creou unha Secretaría Llingüística del Navia-Eo e o galego de Asturias pasou a ser un apéndice subalterno do asturiano. É un caso insólito no mundo: unha academia dunha lingua que tutela e norma dúas linguas, a propia e outra. O que se pretende é outro LAPAO, mais neste caso
Lingua Asturiana Propia de la Asturias Occidental.
Os delirios dalgúns xenófobos invisibilizan a lingua galega de 37.000 asturianos e a ALLA a aferrolla e a trata coma un subdialecto do asturiano.
A ALLA manexara sempre dúas denominacións para o galego de Asturias: fala e gallego-asturiano, pero desde 2009 propuxo o uso de eonaviego para desvincular la fala de sus ‘supuestos’ orígenes gallegos (sic) porque decir gallegoasturiano tiene connotaciones peyorativas de pertenencia al idioma gallego (sic), segundo Ana Cano, presidenta da ALLA entre 2001-2017. Secasí, tanto a administración asturiana coma os medios públicos bombardearon con este novo Glotónimo para tratar de agochar toda vinculación co galego. Así, cando en 2021 se abriu o debate da reforma estatutaria, o Principado introduciu a posible oficialidade de asturiano e eonaviego, provocou un irrebatible comunicado da RAG.


A doutora Natalia Jardón, da asociación Axuntar, cualificou esta situación de exterminio amable do galego de Asturias baseándose na negación do nome, para despoxalo da súa identidade, da palabra
maldita: galego; na invisibilización en medios e institución: administracións, TPA, universidade, webs etc. (ao gallego-asturiano destínanlle o 1% do orzamento que recibe o asturiano); e no control social da opinión e o sinalamento do disidente, porque é pecado ser asturiano e decer que se fala galego. A isto poderiámoslle amecer a manipulación de enquisas sociolingüísticas. Todo está dirixido á transculturización e á substitución do galego. O triste é que isto o abandeire a academia dunha lingua
minorizada, cando as ameazas veñen doutro lado e as sinerxías serían beneficiosas para ambas as linguas.
A situación do galego en Asturias lémbranos o acontecido co latgaliano nos últimos cen anos. O latgaliano era unha variedade do lituano (ou unha lingua báltica moi próxima do lituano) falada en Letonia. En 1920, a RSS de Letonia decretou por lei que era un dialecto do letón, porque este, ameazado polo ruso, para gañar “masa crítica” reaccionou coa absorción por decreto de toda canta lingua ou variedade báltica se falase en Letonia. Cando en 1991 se independizou Letonia, o latgaliano, invisibilizado e letonizado á forza de iure durante 70 anos, derivara de facto nunha variedade híbrida neoletoa falada só polo 10% dos latgalianos e irrecoñecible para o lituano.
O asturiano non se librará da ameaza do “ruso” castelán asoballando o galego, e en vez de querer gañar falantes a conta do galego podía tecer alianzas e estratexias colaborativas coas que, abofé, as dúas linguas autóctonas de Asturias sairían gañando. Por lei, a (inexistencia de) política lingüística no
Principado é competencia do goberno asturiano, pero os galegos non podemos pasmar e calar mentres os delirios dalgúns xenófobos invisibilizan a lingua galega de 37.000 asturianos e a ALLA a aferrolla e a trata coma un subdialecto do asturiano, unha desas “variantes del bable” das que fala o estatuto. Nin LAPAO eonaviego nin latgaliano asturiano: galego de Asturias, así de natural.

Xosé Henrique Costa

Natalia Jardón 1,2

1Centro de Estudios Avanzados en Lingüística Teórica (U. de Tromsø)

2Asociación Axuntar

Comparte

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *