Poema contra os lumes

Arde Galicia 

Arde Galicia de extremo a extremo.
Os lobos hoxe gastan chisqueiro,
xuntan arume, arman trebellos
que en sitios varios van dispoñendo
para que axiña, e sen remedio,
as lapas pazan os verdes eidos.
Verde dos vales, verdes outeiros,
verde da chaira, verdes campeiros,
tesouro noso, ouro sen prezo,
que o lume arrasa en pouco tempo
e todo torna cinza e silencio.
Que alguén explique, que eu non entendo,
como é que hai lobos con dentiqueiros
que dentro gardan tanto veleno.
Onde se agochan quero sabelo.
Que fera rabia están padecendo
que os mantén cegos e non van vendo
o mal inmenso que están facendo
aos propios lares nos que naceron,
nos que atoparon o seu sustento
que, de tan puro e suculento,
tanto cobizan os estranxeiros?
Cousa de meigas, ás veces penso,
esta desgraza ten que vir sendo,
que dá carraxe, que pon enfermo
a todo aquel que ama o terreo
no que colleu o primeiro alento,
no que medrou e foi aprendendo,
co arrecendo do verde intenso,
a respectalo e defendelo.
Se alguén tivese trato directo
coa mala bruxa que armou o enredo,
pídalle, logo, firme e sereno
nos libre pronto deste tormento
e o lobo volva can de palleiro,
nobre e sensible cal bo galego.


J. L. Graña Muíño, Verso plural
Comparte

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *