El galego de Asturias en Navia

En Navia (de Suarna) reunímosnos úa veintena de persoas pra fer un paseo poético el día 30 de maio. A convocatoria, organizada por a Irmandade naviega, tía un deseo: pedir que el castelo, en maos privadas, pase a ser un monumento público pra ser restaurado e utilizado pra múltiples actividades (S.O.S. Castelo de Navia, VI Recital Poético-musical).

Pola mañá, poetas e acompañantes que se sumaron a esta festa da palabra poética tuveron a oportunidade de conocer alús dos rincois máis fermosos da vila e dos arredores e de gozar coa poesía.

Pola tarde, visitamos Barcia e fixemos úa quenda de recitados na Casa Quiñones.

Finalmente, ás 19:00 horas, tuveron lugar el recital final e a actuación de Minguante, un dúo que leva poñendo música a muitos poemas de autoras e autores galegos dende hai anos. 

Amizade, poesía, música e reivindicación nun marco incomparable: a Cunca Encantada da Proba de Navia.

Na lectura da tarde, feita nun lugar precioso -a aldea de Barcia-, léronse poemas en galego de Asturias e outros de persoas que chegaron de diversas partes. Houbo lectura de poemas propios, de clásicos da literatura galega (Celso Emilio Ferreiro, Pimentel…), de autores que non puderon tar presentes -pero que sí lo tuveron por medio dos sous poemas- e tamén de poetas portugueses (Sophia de Mello).

Déixovos aquí úa mostra dos poemas:

Sara Veiga:

Paloma García:

Begoña Martín:

José Luis Graña:

       902

If for English, dial 1
Si en castellano, pulse 2
Si en català, premi 3
Se, por antollo, na lingua do país, prema 4

Se tal, prema 1
Se cal, prema 2
Se tomba, prema 3
Se lle parece, prema 4
Se tanto lle ten, agarde
e será atendido, se tal,
por alguén

Mantéñase á agarda
Se música instrumental, prema 1
No caso contrario, prema 2
Se gusta da melódica, prema 3
Se a prefire enérxica, prema 4

Mantéñase á agarda

Todos os nosos operadores están ocupados
Se tal
Se tomba
Se dálle
Se lle parece, volva intentalo, se tal,
pasado o cabreo


(VERSO PLURAL)

Quique Roxíos:

Haiku

Sen meiz nin ratos.
Un cabazo pechado.
De inverno el sol.

Marta Méndez:

Haiku

A garabata
e úa vella eixada
falan de onte.

Poema en portugués de Sophia de Mello:

Quando

Quando o meu corpo apodrecer e eu for morta
Continuará o jardim, o céu e o mar,
E como hoje igualmente hão-de bailar
As quatro estações à minha porta.

Outros em Abril passarão no pomar
Em que eu tantas vezes passei,
Haverá longos poentes sobre o mar,
Outros amarão as coisas que eu amei.

Será o mesmo brilho, a mesma festa,
Será o mesmo jardim à minha porta,
E os cabelos doirados da floresta,
Como se eu não estivesse morta.

O Poema de Xosé Miranda:

Brinqueta

Deféndese da nada a torre derruída

cercada polas hostes das horas inimigas

e as raparigas xogan á brinqueta da vida,

á brinqueta da vida xogan as raparigas.




A torre derruída deféndese da nada

cercada polas hostes das inimigas horas

e van pasando os días e as noites e as auroras

e van caendo as pedras da torre derrubada.




E van pasando as noites e as auroras e os días

e van caendo as pedras e desfaise a morea

e veñen outras nenas e van brincar coa goma




e na noite estrelada brillan as Tres Marías

e ponse o setestrelo, sobe e baixa a marea

e os camiños borrados xa non levan a Roma.



Este Poema forma parte do libro "As torres abolidas" e foi lido polo autor, Xosé Miranda, no Chau do Castelo da Pobra de Navia de Suarna, a pé da torre.

Este é de Ana Belén Gómez:

Este de Simón Rodríguez Landaeta:

Salve Lugo 

bastión de imperios perdidos
montón de pedras pisadas nas guerras do esquecemento
só os escribáns
paladíns de linguas mortas
poderán restituir
esta gándara imaxinaria
só os gravadores da Historia
os trovadores de versos
atravesados entre ríos
serán quen de recobrar
as torres da túa muralla
os castelos derrubados nas revoltas
os castros soterrados baixo as vilas
as igrexas afundidas na humidade

Nós
construtores de carreteiras
asfaltaremos as vías de palabras
para comunicar as necesidades
do pobo que pertence
a esta illa amurallada
a esta provincia que permanece
mais non prevalece
agás
nos nosos poemas

Este de Marica Campo:

Confeso que estou tola

Confeso que estou tola:
Teño alucinacións multicolores
nos plenilunios e ando a cortar lilas de auga
para poñer, vizosas, en púcaros de lume.
Porque vén ser que alobo cando a lúa é máis grande
e branquiamarelea na pupila do mundo.
Daquela escoito músicas de tambores e frautas
e bailo cos pés nus no cavorco da noite.
Penduro das orellas espantos coma brincos
de morcegos pregados e falo coas curuxas
na lingua máis arcana.
(Ignoro se me ollades, se estou engaiolada
e vós, por divertirvos, ceibades cacahuetes
entre as reixas que afastan o meu soño e o voso)

Confeso que estou tola: teño unha barca branca
que navega por rúas e por ríos de vidro
e eu vou de pé na proa, cos remos cara ao ceo,
derrubando as estrelas.
(Non sei se as recolledes, se apañades os froitos
da vendima dos astros para facerdes viño
e cuspirmo nos ollos)

Confeso que estou tola: Eu vivo no tellado
da casa e cando chove bebo a chuvia que cae
e dela me alimento. Béboa coma quen bebe
tempo desconxelado, champaña á fin da festa
ou un amor que pasa. Despois, cando clarea,
perdo o medo e camiño sempre á beira do aleiro
desafiando a altura.
(Descoñezo se andades a chamar os bombeiros,
porque a vertixe é vosa e a bebedela é miña)
Confeso que estou tola: Quero facer fileiras coas formigas,
confeso que estou tola, e que leven pancartas co teu nome,

confeso que estou tola.

Quero subir ás barbas do xigante, confeso que estou tola,

e dicirlle na orella algún segredo, confeso que estou tola.

Quero coller o touro polo alento, confeso que estou tola.

e levalo a unha feira nas galaxias, confeso que estou tola.

Non quero ir convosco á perruqueira, confeso que estou tola,

gusto de ser a muller despenteada, confeso que estou tola.

Confeso que estou tola, confeso que estou tola,

Confeso que estou tola. Amén.

De Toño Núñez:

Marica Campo

Saben as bruxas da Serra do Édramo
que mamaches o trempeiro nutricio do Val.
E que danzas espida nas sombras da Luz prestada.
Coma orfa avelaíña . Coma os morcegos.

Saben, contigo, as augas do Mao,
e as dos ríos todos,
que as Lavandeiras nocturnas
non coñecen o sono quedo.

Saben as hedras dos castiros
dese souto milenario que é Galicia
que Tras as Portas do Rostro
só habitan o amor. E o silencio.

Saben os homes necios
de necios comportamentos
que arderán na fogueira
que prendestes, insubmisas,
as fillas e as netas de María Balteira.

Saben as conciencias envelenadas
que A tecelá en outono, teimuda, vixía,
con nocturnidade e aleivosía,
as esterqueiras fedorentas da mentira.
E acende fachos de luz nos tesos da verdade.

E eu, xuíz da loucura,
e de solpores alugados,
sei, de vello, da túa teima.
Por iso, acúsote, pecadora, de tolemia,
muller faro nos días de néboa mesta.

Si, eu sei ben, tamén, muller hedra,
que estás tola enteira. Tola de amor.

Dese amor total que inspiran as xestas.
Dese amor total pola terra que percorre a chuvia
petando nos tellados como alma en pena…
Dese amor total que inspiran os nenos e as nenas…

Ai… Bendita loucura!

Daquela, velaquí proclamo, libre, a miña sentenza:
Manaia sexa a tola desta Terra brava, ancestral e irredenta!




Toño Núñez, outono de 2019

Fernando da Serra:

CONTÍA

Pagarei co vento que respiro
o terte coñecido.
Con auga sinxela ata o mar
pagarei os días, as horas
ao teu carón fundidas
nunha soa feitura sen razón.

Pagarei as areas do camiño
coa raíz do teu amor,
o aceiro no cristal das palabras
cando me queiran rabuñar coa mirada.

Pagarei a fantasía vespertina
de posuírte eternamente na sombra
cando o aire cambiado da tarde
faga asubiar o fío cortado da despedida.

Xosé Fernández Fernández:

INCOHERENCIA ESCARLATA 

Breve, a risa forzada;
longa a despedida, mal pechada.

Oxalá ninguén perda os ollos
nos vidros de historia
rotos pola turba no roteiro
das ideas opacadas do pesadume.

Na infamia fertilizada
acreedora corrupta
das débedas voluntarias.

Que ninguén eslime
no intento diario e doado
de fuxir da creba do orgullo;
de pór distancia ante muros infactibles
para voltar ao mesmo lugar
onde todo deu comezo.

Que ninguén goreza nin sexa porteador
da ignorancia nas suxas mans
de causas perversas;
baleirar hei, allamouto postreiro
encaixe da ínfula pretendida.

Porque hai perdas que suman
na conta das ganancias,
na remuda de pel,
no espazo pautado do renglón,
no agoadizo sabor
do froito madurecido.

Engado o custe
de ser adalide,
verso ceibe,
pendurado nas barbas
de alboradas esperadas,
maluras atemporais
da falla de poetas.

Na busca dun intre de calma
nun mundo esfarelado prego,
que o tempo se deteña.

Dime ti, miña Afrodita:
dubidar das dúbidas
abre unha oportunidade
ou cava tumbas?

Durme, onde o tempo se descalza,
sente a terra mollada,
no recreo das toupeiras.

Durme, á marxe de paradisos argallados
na toleira da evasión
no entanto que criches vivir.

Durme, ao fin, para non render
á escuridade,
ao ruído por fidelidade,
á vida.

Tino de Féliz:

Navia
Digo teu nome
e lémbrome.
Dóesme.

Nel eŕgome, medro,
acougome
e bailo.
Fonte que mana,
paxaro que queímame
nos adentros
da boca.
Bico que añora
túa cintura
de pan, mel e amorodos.
Porta dun leito doce
onde durmir xuntos
ainda cos nosos corpos
non se alcancen


Bebo teu nome
e na túa engalladura
amortezo de sede.
Escribo teu nome
e leo nos teus ollos
deleite, auga e lume.
Digo teu nome: Navia
e faisme home,
gozo, lascivia, tacto namorado

De Rafa Ramos Fernández:

Madrese "Shajareh Tayyebeh" (طيبة شجرة)
Escola “A boa árbore” en Minab (Irán)


Bagulla en Minab,
bagullas pretas
tisnan de negrume a nenez,
chuzan o candor inocente.
168 lapis de cores estralan,
latexos apagados por quen…
fire… e feriu...
sempre.
Estouran miúdas vereas,
cobizados cumes.
Esnaquizan soños
de infancia na escola…
sen un porque!
Vítimas
en mans dos que aldraxan
enmudecen trafegos da aula
cegando inocencias.
Aqueles que, sen pregunta,
de súpeto, acoitelan e matan
o pueril sorriso...
o gargallar de infancia.
Nun trebón que deixa noite sen luzada,
lóstrego de morte de laio fondo,
de berro seco...
de louca agarda.
Lembranza
de bico derradeiro,
de derradeiro adeus
no albor do derradeiro día
da viaxe imposta…
ao alén,
enriba de 168 folliñas
que voan, dende as pólas,
da boa árbore da escola
Velaí van… deixádeas ir!
sonvos vítimas da inxustiza,
da gadoupa asasina…
yankisionista.
Xa só se escoita en Minab
silandeiro pranto de nai e pai,
na busca dun corpo, baixo os cascallos.
O da filla mártir (“shahid”),
denantes que…
principie o camiño de Alá.
Sabedores que…
ELA partiu xa!

Rafa Ramos Fdez.
“VI Recital Poético-Musical S.O.S. Castelo de Navia” 2026
Navia de Suarna

Beatriz Dourado:

Comparte

2 comentarios en “El galego de Asturias en Navia”

  1. Actividade colectiva ben interesante! Agradecemento e parabéns á A. V. Irmandade Naviega e mais a Axuntar por tanto e tan bo traballo!

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *