Victoria Veiguela nace en León e vive desde os dous anos asta el remate del bacharelato na Veiga. Despós vai á Universidá Complutense de Madrid, onde estudia Filoloxía eslava. Nesta ciudá formará parte, con outros escritores e escritoras, del grupo Bilbao, grupo de expresión poética en galego.
-Curioso, condo menos, el caso del Grupo Bilbao, non? Por el feito de ser un grupo que escribe en galego, sendo autores e autoras de Galicia, pero tamén de fóra das fronteiras administrativas que comparten esa lingua (concretamente del Eo-Navia) e tamén poetas alógrafos. Como naceu esa unión?
– Foi a casualidade a que me levou ata eles, ou talvez non tanto: Xavier Frías fixo de nexo de unión entre unha rapariga chegada non facía moito da Veiga e un grupo de almas curiosas e letras feridas.
– Tú que formaches parte del Grupo, creo que desde el ano 2000, como viviches esa experiencia? Cóntanos algo sobre as tertulias nel café El Comercial. Por que se usou ese topónimo pra nomear al Grupo?
– O nome do grupo non ten moito misterio (ou iso creo), seica veña de que nos reuniamos no café Comercial que está, nomen omen, na glorieta de Bilbao, en Fuencarral. É un café deses que nos que conversar é tan natural como respirar, porque dentro del o tempo flúe doutra maneira. Alí puiden coñecer a persoas cuxa escritura e personalidade marcáronme como Bouza, Araguas, Luna, Curieses, Yáñez e, por suposto, Xavier Frías. As tertulias eran conversas que sabían ir alén da escravitude dos reloxos, desas que se van tecendo nun tapiz sen un plan, discutíase sobre todo e sobre nada, pero co obxectivo de saír de alí máis felices. E, sobre todo, de poder falar galego.
– Explícanos el caso dos autores alógrafos, os que sin ser galegos ou galegas, nin tampouco ser doutros lugares onde se fala a lingua galega nin ter tan siquera ascendencia galega, acolleron a cultura e a lingua galegas como súa.
– E, por que non? Non somos nós os que dicimos as palabras, son elas as que nos din a nós- parafraseo a Gombrowicz. Cada lingua é unha maneira de percibir o mundo, de poñerlle límites ou de rompelos e ir máis aló. O galego é unha desas linguas que che abrazan como unha boa bufanda, que che permiten expresar matices impensables noutras, probablemente por iso tantos a adoptamos e ela, xenerosamente, acolleunos.
– Fálanos da túa obra en galego, publicada na colección O Roibén. E del poemario que escribiche conxuntamente con Susana González, Simbiose.
– Os cadernos de Roibén foron unha iniciativa heroica, deunos ás a todos os autores. Soubemos que non estabamos sós, iso foi o máis importante para min. O noso poemario foi conxunto por unha cuestión práctica, polo menos no meu caso: non tiña bastantes poemas para un caderno en solitario. Nin suficiente valor. Compartir páxinas con Susana foi unha honra, grazas a ela deime conta de que non era un bicho raro, e do moito que me quedaba por aprender.
-Cóntanos algo del tou libro: Vendo pasar o mundo.
– Mentres que Simbiose era un estalido de emocións non ditas que necesitaban saír, O ouvido e o calado– o segundo caderno- tiña máis de reflexión, de intento de atopar un eu. Vendo pasar o mundo é posterior, xa contaxiado de deixes eslavos, con saudades, néboas, esperanzas, pesares e faíscas en desbandada. É un pouco como unha serie de diapositivas nas que procuro atrapar as sombras e as luces dos meus primeiros anos en Varsovia.
-Como foi a túa escolla lingüística? Por que te decidiches a usar a lingua galega nas túas creaciois e ademais usar a normativa oficial? Algúa vez usache a nosa variante dialectal a nivel escrito?
– Se a memoria non me engana, eu apunteime a clase de galego cando cheguei a Madrid por iso de ter unha optativa fácil. E nas clases comecei a aprender como se escribía iso que eu dalgunha maneira xa coñecía, aínda que na niña casa sempre falamos castelán. Coido que por iso síntome máis cómoda coa norma oficial. A nosa profesora, a sen par Carmen Mejía, sabendo que eu era asturiana, comentoume que se organizaba un curso de bable. Nin curta nin preguiceira presenteime alí para atopar por primeira vez a Xavier Frías, que era o noso profesor. Ao cabo de media clase, e por unanimidade entre os (escasos) participantes, o curso de bable pasou a selo de galego…e así nos coñecemos. Tempo despois amoseille algúns dos meus poemas, e grazas a el e súa paciencia infinita seguín escribindo. Podo entón dicir que no meu caso, escribir en galego é máis ben obra de Xavier.
– Algúa suxerencia pra que a nosa lingua non se perda, pra axudar á súa pervivencia?
– Normalizala, non avergoñar aos falantes, senón todo o contrario. Seguir usándoa como se usou sempre. Paréceme que na zona do Eo-Navia, polo menos na máis occidental, é a lingua que máis se oe na rúa, a que mellor define o que nos rodea. Polo menos no Concello da Veiga hai un orgullo san no seu uso, publícanse textos e organízanse concursos literarios nos que participa bastante xente. Moitos dos meus coñecidos din que é a lingua na que senten.
-Temos a idea de que Viki Veiguela é úa especie de poetisa mitolóxica que existe nun espazo del imaxinario colectivo, autora de preciosos poemas adelantados al tempo poético del territorio del Eo-Navia. E nel territorio case non sabemos de ti… parece que solo “te soñamos”… Pero, igual sen sabelo tú, es un asideiro, representas úa esperanza. Que cres que se pode fer nel Eo-Navia pra abrir portas, conectar e superar os prexuízos que envolven ás xentes deste territorio?
– Se pensamos en abrir portas, creo que o mellor é non pechalas, non darlle as costas aos que queren vir ou regresar, non tratalos coma se nos crésemos “superiores” ou fosen unha ameaza, senón como unha oportunidade para aprender algo novo e para coñecer outros puntos de vista. Non hai que tolerar, senón aprender a convivir. Imaxino que se trata de crer nun mesmo, en que non somos peores nin estamos peor preparados. En que non fai falta marchar a outro continente para demostrar que se vale, ése igual- ou máis- válido na zona. Pero igual que en todas partes, hai que correr riscos.
-Tú que es “úa muller que lle ouvea á lúa”, a quen ouveas ademais?
– Ouveo a todo o que me molesta, ás ideas que considero inxustas. Non son quen de calarme o que penso a longo prazo… Tamén ouveo metaforicamente de admiración, de amor. Ouveo cando o emocional fai desaparecer o racional, a verbalización.
-Traballas en Polonia. Cantos anos xa? Cuales son as asignaturas que impartes na Universidá de Varsovia?
– Fai xa máis de media vida que estou aquí… No Instituto de Lingüística Aplicada da Universidade de Varsovia ocúpome do ensino da gramática do español.
– Vés algúa vez a España e máis concretamente á Veiga?
-Tento ir todos os anos no verán para visitar aos meus pais, andar en bicicleta e nadar.
-Tes plans de volta a España?
– Non teño plans concretos, a pensión dos profesores aquí é moi baixa, e non sei se podería facer outra cousa que ensinar, xa se verá. Pero recoñezo que fantasío con vivir outra vez preto do mar.
-Tes obra en castelán?
– Qué vou ter, non teño apenas nada literario ou de creación publicado.
-E pra rematar, dinos se tas escribindo algo nestos momentos.
– Escribo pouco, pero algo escribo. Iso si, vai todo ao caixón porque non me convence nada.
Muitas gracias, Viki, por contestar estas preguntas. Oxalá os nosos camíos se crucen algún día na Nosa Terra pra deixar de “soñarte”.