Héctor Acebo publicou el 28 de abril nel Progreso de Lugo el sou ADEUS A VISITACIÓN DE LOYOLA. Reproducimos el texto completo. Se queredes ler a noticia nel Progreso, pinchade aquí.

Visitación Folgueiras de Loyola, nai da Praza de Maio, referente dos dereitos humanos, morreu na Arxentina o pasado 19 de maio aos 101 anos. Ao igual que quen escribe estas liñas, Visitación nacera en Santiso de Abres, Concello asturiano de fala galega regado polo Eo. Sendo unha nena, cruzou o charco xunto á súa nai, Felisa.
Durante máis de tres décadas, Visitación traballou na extinta Grafa (Grandes Fábricas Argentinas), onde coñeceu ao que sería o seu home, Mario de Loyola, falecido o pasado ano. O matrimonio tivo dous fillos: Roberto, que permanece desaparecido, e Néstor, quen coidou de Visitación ata os seus últimos días.
O 24 de marzo de 1976, Jorge Videla, comandante en xefe do Exército arxentino, chegou ao poder tras liderar o golpe de Estado que derrocou ao Goberno de Isabel Perón. O 21 de decembro os militares secuestraron a Roberto Loyola, de 22 anos, e á súa muller, Dominga Antonia Maizano, de 21 anos. Vivían en Loma Hermosa, no conurbano de Bos Aires, e tiñan un fillo de seis meses que puido salvarse ao ser entregado a unha veciña.
Así relataba Visitación o fatídico episodio: «Todos los días a la mañana mi hijo pasaba por casa camino al trabajo. Un día mi marido me avisó que no había pasado. Fue hasta su casa, en Loma Hermosa, y cuando llegó lo recibieron con una ametralladora. Mi marido vio que en el pasillo estaban parte de las cosas de mi hijo, sus muebles, un lavarropas… Le dicen: ‘Usted no entra; sus hijos están prófugos y los estamos esperando’. Yo no creía que les iba a pasar nada, porque no hacían cosas malas; al contrario: daban lo que tenían».
Nas vilas de emerxencia de San Martín, Roberto axudaba aos veciños coas conexións de luz e auga, mentres Dominga, estudante de Psicoloxía, traballaba con nais de nenos con discapacidade. Por ese compromiso social en zonas humildes foron sinalados como «subversivos» pola ditadura militar, como tantos outros mozos de entón.
Tras o secuestro do seu fillo e da súa nora, Visitación comezou a percorrer oficinas e igrexas co fin de investigar algo sobre o seu paradoiro. Foi así como coñeceu a outras mulleres cuxos fillos tamén desapareceran, e con elas uniríase ás Nais da Praza de Maio. Esta organización feminina, premio Sajarov para a Liberdade de Conciencia outorgado polo Parlamento Europeo, visibilizou os sistemáticos crimes de lesa humanidade cometidos pola ditadura militar de Videla. Os organismos de dereitos humanos estiman que, durante aquel réxime de terror, desapareceron arredor de 30.000 persoas.
En todo este tempo Visitación buscou sen descanso ao seu fillo Roberto, e xunto ás súas compañeiras das Nais da Praza de Maio abriuse a diversas causas sociais. «Nosotras seguimos el camino de nuestros hijos, mejorando la vida de los que más necesitan. Por eso trabajamos en los barrios más necesitados, hacemos caminos, cloacas, agua corriente, gas, bibliotecas», dixo nunha das súas últimas intervencións públicas.
Visitación Folgueiras de Loyola nunca regresou a Santiso. Probablemente o seu recordo sobre o barrio de Regada fose difuso, pois emigrou sendo moi nena. Un é de onde o queren. E ela foi moi querida en Bos Aires, onde ademais quixo moito. «Ha pasado el tiempo; sin embargo, todos los días pienso en ellos», dicía en referencia ao seu fillo Roberto e á súa nora Antonia.
Seguindo a súa última vontade, os restos de Visitación foron espallados na Praza de Maio, espazo de loita, dor e amor. Infindo amor.
HÉCTOR ACEBO
