
Nunha igresia había tres curas. Éranvos outros tempos. Tían un problema cunhos morcegos. Unha praga. Infestado todo desos ratos volantes. Habitantes impropios da Casa do Señor, os que durmen ca cabeza pra abaixo. Houbo cónclave: “¿qué femos?”, dixo un, e comprou un escopeto e deu en pegar tiros e por cada rodentóptero no que atinaba eran unha ducia os furados que abría polos que entraban moreas de bichos que facilitaban ós morcegos o tema da alimentación, e foi así que a colonia medrou babilónicamente, e dixo o cura segundo “¿qué femos?”, e achegouse á cooperativa de Piantón e comprou todo o Ratibrom(r) que lle quixeron vender, arriscándose incluso a faltar ó oitavo por omisión cando lle dixeron aquelo de “supongo, señor cura, que tendrá usted en regla el carnet de fitosanitarios…”[i], e tanto foi o que botou que cando deu en retornar da furia rodenticida foi posta a parroquia toda en corentena e nas vindeiras tres lúas a freguesía non puido obter alivio do pecado no rito eucarístico e os morcegos, gracias e a que o teito do templo estaba cheo de furados de bala que facían a par de respiradoiros e de entrada de mercancías culinarias, nin se afogaron co cheirume do beleno nin tuveron que baixar a comer del, co que multiplicaron o seu número e houberan atoar o sanctasanctórum co guano de non ser polo terceiro cura que collendo un caldeiro berrou “¿qué femos?” e encheunol de auga bendita e abríu as portas e pechou os foucíos con cera de cirio (pra non se afogar, claro) e exclamando as fórmulas rituais bautizounos a todos, e deulles a luz do Verbo de Salvación da Catequese e en considerando a somente morcega abondo preparada administroulles a Primeira Comunión, e desa xa marcharon e non volveron máis.
Algo así, con menos hipérbole, foi a parábola ca que o cura prácticamente arrancou o bautizo de Lucas Trabadelo, primoxénito do meu único primo carnal e destinado, se queda con qué alimentar os motores de combustión, a argallar nas terras raianas con xeito e profesionalidade: abrir pistas, tumbar montes, limpiar cunetas, facer furados, mover escombro, e tantas cousas máis. Ó cura que oficiou nun lle acaba de cocer eso de bautizar fillo de parella non casada, e consecuentemente tamén expresou que aquel bautizo parecía unha voda. E obviamente non lle coce que señamos tantos os cordeiros que, bautizados e debutados no tema ese da comunión (recibida, en estado de paz honesta e confesa, a substancia divina e feita célula propia, carne da carne, cuspe do cuspe), andamos soltos polo monte. Eu, sen ir máis lonxe, gran aficionado á Biblia como bon bibliófilo, e prometedor cristianín naquelos tempos, voltei a misa do Carme no aniversario da miña primeira comunión, na Igresia Parroquial de San Andrés de Logares unde me xacen ancestros, e sangroume a nariz a media ceremonia e salín escopetado e esgallóuseme a fe, como unha revelación prefilosófica, corporeizada no sangue derramado baixo o sol de xullo que nese fértil val é metaluminoso, unha revelación hemática.
O cura, cuxas señas directas non penso dar por non lle ter pedido permiso, pero que é un home racional que, cando daba clase de relixión no instituto da Veiga (antes de chegar eu a aquela sabia casa), poñíalles A vida de Brian, é asturiano do centro. Leva aquí, claro, camín de catro décadas se non as pasou xa, así que algo entende do funcionamento destas terras raianas (matria nebuliforme). E como tampouco lle coce que a xente lle interlocúe dun xeito tan timorato e inaudible, nun momento da ceremonia exclamou: “¡voy a tener que hablaros en gallego a ver si me respondéis!”. Haivos que ter sorte co funcionariado: un cura naturalmente sesquilingüe fai as cousas muito máis cómodas. Igual ca un profesor de relixión naturalmente consciente da época na que vive alcanza unhas tasas de alumnado de récord. (Estou resistindo a tentación autobiográfica presente acerca do meu periplo por servicios de rehabilitación do sistema público atapuzados dun funcionariado carente de ética cívica, rigor intelectual e criterio profesional… A ver se aguanto… Bueno, parece que desta non digo nada…)
Pois si, haivos que ter sorte co funcionariado. Meu primo, por exemplo, irmao dunha Trabadelo, fillo e primo e sobrín de Trabadelos, resultou ser inscrito Travadelo no rexistro. Esa confusión non é infecuente. É habitual ter que deletrear semellante apelido, e atopar escribentes que tuveron a V como primeira opción. Asta aí todo normal. El foi tirando pola vida sen grandes inconviñentes. Pero cando decidiron procurar descendencia pareceulles que debía regularizar a situación onomástica. E o proceso está sendo unha latrinada mosaica (un escape room, diríase hoxe), na que lle están pedindo e denegando probas alén da lóxica-non-kafkiana (porque a lóxica-kafkiana… ten outras normas e outros requerimentos). Peor ca o daquel policía nacional que me inspirou aquelo de coloso celoso de la norma, / el funcionario, inmune a toda / emoción humana o animal espasmo… [ii] Pensando opciois, e conectando co fin último da presente e muito redundante Trabadelada e cun tópico mui de filólogo, din en maumiar algo ca toponimia. Existe un poblo Trabadelo berciano que xa referenciamos nun texto previo. Pero tengo unu más cerca…[iii]
Trabadelo é tamén un lugar pertencente a Vilanova de Ozcos, que por desgracia tampouco tuvo sorte co funcionariado. E non por lle trocaren unha B por unha V [iv], senón unha O por unha U… Muito máis simbólico, e máis violento. Un día alguén pasou por alí e tomou a foto que acompaña a este artigo, na que se ve o cartel que sinala a entrada na localidá: un rutilante TRABADELU. A alguén con capacidá de decisión lle pareceu, segundo o seu criterio, que esa era a forma adecuada pró microtopónimo. O poder ten raxos que chegan ós puntos máis inesperados. Ten, e aquí transmito unha referencia que me chegou por vía fraterna (outro Trabadelo), a pirolísima superpoderosa de Love Sausage (nome de civil: Vasilii Vorishikin), persoaxe da serie The Boys (que non se distingue tanto, por certo, da que un tío avolo noso por outra xenealoxía utilizaba para petar no mostrador dos bares cando tía ganas de feira).

Total, que o cartel orixinario, nunha fermosa e esperanzadora forma de pechar o texto, e de adornalo, apareceu nun rastro en Xixón [i]. A los señores curas, de toda a santa vida e per sæcula sæculorum, se les habla en diglósico y de usté.[ii] Do meu Poema-máis-estruturalmente-equilibrado «Renovación del DNI», no libro El virus. Interludio (contra la subsunción). Elíseo y Estígeo de Occidente (La Equilibrista, 2022). Fágome publicidá porque o libro é unha bizarrada cáustica, ten unha intrahistoria que debera, se todo vai normal, convertilo nun libro de culto, e porque é a miña sección e fago un pouco o que me peta. [iii] Premio (simbólico: a satisfacción) pra quen adiviñe a referencia. Así deben sentirse as guionistas de Saber y Ganar. [iv] Troco que si fai Google Maps, por certo. Pero no IGN consta con B. ¡Ai, o criterio etimolóxico da ortografía, que alí onde aparece, toca o carabillo! Pero tocamos madeira, que se esto fose francés igual se escribía Trabadaillox, e se fose inglés Trubadallough…

