
Por Kiko da silva
Sobre a IA
Kiko da Silva (Vigo 1979) é un historietista, ilustrador, editor, e director da primeira escola Profesional de Banda Deseñada* de Galiza, O GARAXE HERMÉTICO.
Desde el 2012 ta traballando nel sou proxecto de Bd máis longo: a Novela Gráfica BAIXO A SOMBRA DAS PEDRAS FLOTANTES que publicará en galego XERAIS e en castelán NORMA Editorial. Esa banda deseñada ten úa protagonista singular (úa casa) que é inda máis singular pral noso territorio porque esa casa non é outra cá Casa Pértiga, situada en Doiras (Boal, Asturias).
Ganou muitos premios como ilustrador, entre os que destaca el Premio Castelao de Bd nel 2014 pola súa obra O INFERNO DO DEBUXANTE. Nel 2007 recibiu el Premio Xoan Manuel Pintos pola promoción da lingua galega.
Neste artigo, Kiko da Silva fala sobre a problemática dos ilustradores hoxe en día.
«Levo facendo humor gráfico dende o ano 1996. Publiquei en La Voz de Galicia dúas viñetas diarias, traballei en El Jueves, la revista que sale los miércoles durante 12 anos, editei dende o 2007 ata o 2012 a revista RETRANCA… e actualmente publico a miña viñeta, A SILVEIRA, todos os días en El Correo Gallego.
É a miña profesión e paréceme unha parte fundamental do xornalismo. Síntome moi orgulloso de pertencer a este gremio.
Os humoristas gráficos, ao igual que os columnistas, facemos unha análise diaria das principais noticias dende unha perspectiva crítica para conseguir facer reflexionar aos lectores. A viñeta humorística non sempre ten como obxectivo facer rir, aínda que ese sexa tamén un dos seus cometidos, e considero que é algo moi importante, porque o humor axúdanos a entender o mundo dun xeito menos dramático.
O traballo do humorista faise sempre en condicións laborais complexas. A gran maioría non temos contratos, somos autónomos, non temos horario porque o noso traballo depende da actualidade, facemos as viñetas todos os días de luns a luns e non temos vacacións, porque o xornal sae todo o ano (agás o día de Nadal, o 1 de xaneiro e o Sábado Santo, cando non hai xornais).
Eu, persoalmente, intento que o meu traballo humorístico sexa ademais un traballo pictórico, para acadar un resultado coa mesma calidade que podería ter un debuxo para un libro ou para unha banda deseñada. É unha decisión persoal. Hai outros autores que apostan por un debuxo máis sintético e minimalista (ollo, que iso non significa que estea menos traballado; canto menos liñas ten un bo debuxo, máis complexo foi facelo).
Comento todo isto porque a miña profesión leva anos en extinción. Cada vez quedamos menos humoristas nos xornais e, coa chegada das IA xerativas, estamos comezando a ver con preocupación como os medios se enchen de imaxes creadas por IA, sen alma, sen estilos definidos e cunha falta absoluta de criterio á hora de ilustrar ou de tratar determinados temas.
É moi triste ver como dende o gremio e dende os Colexios de Xornalistas non se fai nada para deter esta perda de calidade nunha parte dos xornais que, precisamente, atrae e fideliza lectores. Deberíase protexer aos debuxantes, humoristas e fotógrafos deste uso negativo das IA, que ademais vulneran os dereitos de autor. Porque os seguintes serán os xornalistas, os contables, os funcionarios…
A tecnoloxía é boa sempre e cando non se use de maneira inconsciente e pouco ética.
Escribín isto hoxe porque cáeseme a alma aos pés ao ver como a calidade gráfica dos xornais está caendo estrepitosamente e como xa hai medios que publican «viñetas» xeradas por IA e ilustran textos xornalísiticos con fotos e imaxes de calidade ínfima, sen mensaxe nin interese artístico nin informativos porque a IA as xenera GRATIS e moi rápido…
Gústame ler a El Roto, Riki Blanco, Xaquín Marín Formoso, O Carrabouxo, (David e Carlos)Pinto y Chinto, Luis Davila, SIRO, Pepe Carreiro, Gogue, Gallego y Rey, Ricardo, Bernardo Vergara, Iñaqui&Frenchi, Manel Fontdevila, Jose Rubio Malagon, Asier y Javier, Flavita Banana, Ferrán, Idígoras y Pachi, Mauro Entrialgo, Peridis, aos compañeiros de El Jueves, e un longuísimo etc.
Sen eles, o mundo no que vivimos sería, sen dúbida, moito máis gris.
Directores e directoras de xornais: non publiquedes imaxes creadas por IA. Non só están roubando o traballo dos creadores, senón que tamén lle están quitando interese aos contidos dos propios xornais. Coidemos esta fermosa profesión.»
Kiko da Silva
*Serie de dibuxos que constitúen úa historia, cómic, historieta, tebeo…
