A Pablo Trabadelo un día dixéronlle que tía un ramalazo ácrata. Antes rexentara un blog ciclopedestre, e despois leu con devezo unha antoloxía dos artigos de Larra. Tentando de non se confundir a súa voz ca liña oficial de Axuntar (protexéndose a sí mesmo do gregarismo e á asociación dos futuribles exabruptos), solicita un couto que lle é concedido, e fala de si mesmo en terceira persoa como un gelipollas pra pechar o… cuadrado.

G.E.R.A
Na casa de meus pais hai dous cuadros de heráldica barata. Trabadelo e Vilabrille. Hai tamén unha foto aérea de cada casa patricial (datadas nos tempos pre-drone, unha delas está medio borrada polo sol) e das respectivas aldeas, tres estampas de clan en conmemoración de sendas xuntanzas muito lipídicas e pouca cousa máis. Non che vos somos xente de muita foto, certamente. Pero aquelos dous cuadros franquean pimpantes a chegada ó primeiro andar, a fin do ascenso desas escaleiras frías e estreitas de chanzo altísimo, o acceso á vida boa: a cocía á dereita, o salón-comedor á esquerda. Cabe os cuadríos do linaxe, a porta do aseo minúsculo no que meu pai, canso de maniobrarmos pra dar entrado, cambiou o lavabo de tamaño normal por un análogamente minúsculo, de xeito tal que a min e a meu irmao resúltanos imposible lavar alí as maos sen ciscalo todo. Dramática e a un tempo íntima metáfora da vida e da política. E a entrambas costas da porta do aseo da polémica, inaccesibeis ós xuramentos e ás discusiois que se desatan polo
irreconciliable desaxuste entre a potencia da billa [i] e o tamaño do lavabo, resisten eses dous cuadros heráldicos de manufactura en serie que, sendo eu neno, alguén topou nalgúa feira, préstame imaxinar que remexendo nun expositor deses cilíndricos con follas infinitas, entre ducias de Rodríguezes e Suáreces, brillando ca luz propia das cousas infrecuentes, e trouxo de agasallo. Puro kitsch. Aceptarían alerón, ou dados de peluche, ou ambientador de pino.

E é que resulta que ditos estudios heráldicos non resisten a confrontación cunha análise do discurso nivel básico. Neste parágrafo dispóñome a facer de filólogo, que pra eso teño o titulín. Quero decir, que se, ¡o persoa que refrega os ollos do outro lado da pantalla!, a preguiza te leva, podes deixar sen ler as vindeiras liñas, que non has perder nada do argumento. Deixarás de aprender, eso si, que a análise do discurso é, xunto ca Sociolingüística, a rama da lingüística que máis mola e máis aproveitamento ten, e, como aquela, prácticamente ausente dos currículos escolares. Levo tempo utilizando as expresiois «morrer de sintaxe» e «morrer de Garcilaso» pra me referir críticamente ó currículo escolar, se ben a cousa parece pintar mellor en perspectiva LOMLOE. Acepto o debate, o formato bitácora, frente ó formato libro, ten a ventaxa de ofrecer espacio a quen lee pra comentar en quente. Total, que os cadríos do carayo [ii] seguen a mesma organización textual:
liña introdutoria;
«Por referencias de historiadores de la época [non di quenes] y otras averiguadas por Araldis en los archivos registrales de ciudades y otros privados [non di cales], podríamos asegurar, pero no afirmar [ollo ca matización semántica, o que din é seguro, pro non é firme], que este escudo u otro muy similar a él apareció inicialmente desde el siglo XI a XIV, particularmente en» + evento histórico remoto (aquí os Vilabrille ían na comitiva de Ramón Berenguer III a entrevistarse con Federico Barbarroja, e os Trabadelo participaron na formación da Marca Hispánica con fronteira no río Llobregat);
«Las referencias de esta familia parecen precisarse con más frecuencia desde el siglo XV al XIX en especial los hechos de» + evento histórico remoto (aquí os Vilabrille tuveron fozando na reconstrucción de Cataluña a partir do 11-S de 1714, e os Trabadelo de xeira por Flandes con D. Luis de Requesens);
«Todo ello parece coincidir con la memoria familiar de algunos de los miembros de la rama de la familia» + apelido;
análise excesivamente chufatorio do escudo de armas. Nambos casos acaba cas seguintes liñas: «Dos esmaltes del arma de los [V. ~ T.] pregonan los siguientes valores: el Oro es el símbolo del Sol, origen de la vida, sus características espirituales corresponden a la fé, clemencia, templanza, caridad y justicia, por otra parte de dicho esmalte señala a la familia con la felicidad, el amor, la nobleza y el esplendor, es decir, es el más noble de los metales».
De todo elo, ningúa fonte historiográfica referenciada explícitamente. Parece ser, por certo, que no eido da heráldica acaban metidos unhos lacazais de muito coidado: esta é unha das referencias das que ChatGPT sacou información acerca do apelido Trabadelo, cando lla pedín, indicando que era pra un traballo universitario https://apellidoorigen.com/trabadelo
Dinlle algunha volta, pola miña parte, á súa etimoloxía verdadeira, e creo que é ‘lugar no que crecen árbores das que se fain trabas’. Traba aparece recollido no Dicionario de Varela Aenlle, nunha das acepciois, como sinónimo de trabe, e unha trabe é un ‘madeiro groso e longo que atravesa o teito dunha edificación’, e tamén ‘cada unha das catro vigas do hórreo que sustentan a cámara’. Nun sentido similar usábase en latín: ‘viga | árbol elevado’iii (Diccionario Latín Spes, Vox, 2006, s.v. TRABS, TRABIS). Un souto que produce boas trabas é un trabadeiro, e o troco de consoantes líquidas (L/Riv) é un fenómeno común (pensemos, no español caribeño actual, en carne pronunciada calne, ou, no de certas zonas de Andalucía, en alzar pronunciado arzar), asina que trabadeiro > trabadero > trabadelo. Trato de dar esta explicación convincentemente, porque muitas veces me insinuaron-aseveraron-discutiron (e insinúan-aseveran-discuten) a procedencia italiana do apelido. E, vediamo, non tutto quello che suona a italiano è davvero italiano. Se fosse così, per quanto riguarda il tema che ci occupa adesso, non esistirebbe un toponimo «Trabadelo» al Bierzo, oppure parleremmo di una ipotetica ripopolazione da parte d’immigranti italiani della quale no c’è notizia storica.
A outra gran asociación léxica que adoita suscitar o meu apelido achéganos ó Río de la Plata e de paso ás misteriosas siglas que dan título ó presente texto. Cómpre concretar que, por herdanza-de-máis-ben-roubo-a meu irmao, quedoume a forma apocopada «Traba» de arcuño. O Diccionario de la Lengua Española, da RAE, sub voce traba (del latín TRABS, TRABIS ‘madero’) recolle 13 acepciois e ningunha é a que nos interesa. Merda de academias. Por fortuna, temos a dimensión democrática de internet, e na páxina diccionarioargentino.com, sub voce traba, temos dúas acepciois, unha máis seria, con 86 valoraciois positivas, ‘forma despectiva de referirse a las transexuales’, e unha menos seria e peor escrita, pero cun exemplo noxentamente ilustrativo, con 4 valoraciois negativas, ‘un Traba o Trabuco es una persona masculina que se cambia al seo [sic] femenino: -Que buena esta esa mina / -Biene con sorpresa, es un Traba’. O tal Ruperto, usuario autor desta segunda acepción, é a hostia: empeza todo coidadoso e inclusivo, con esa forma «persona masculina», e de súpeto zámpanos ese exemplo chen de retranca [v]. Un artista. Pois si, sole suceder que me presentan a daquén e, se o ambiente é de confianza, busca o xeito de facer a referencia, e o tono desta sempre é o tono dos tabúes. Fálase da transexualidade como se fala das cousas prohibidas. ¿Inda non caestes no de G.E.R.A.? Pois estamos por chegar, relax. Os meus textos son sempre teleolóxicos [vi]. Tédeme fe.
Nestas páxinas levo feitas xa unhas cuantas mostras do meu interese pola hibridación e por vindicala/dignificala. Non se me ocurren muitos exemplos tan diáfanos coma o das persoas trans. Venme ó miolo, por exemplo, esa cancioncía que circulaba nos tempos do instituto sen ningunha xustificación nin pertinencia e decía «transexuaaaaaaaal, transexuaaaaaaaal, tu madre tiene una gran polla y no sé por quéeeeee, nunca más te podrás sentar, en su regazo hay algo más, tu madre tiene una gran polla es un transexuaaaaaaaaal». Tamén recordo que alguén topara unha páxina web que funcionaba como unha especie de virus, de xeito que, ó entrar nela, aparecía unha ventá emerxente cunha imaxe en formato .gif dunha muller trans recibindo sexo anal, nun explícito plano americano ventral que desquiciaba completamente ó noso (desfasadísimo) profesor de Comunicación audiovisual e multimedia, xa que pra pechar a ventá emerxente había que completar o ritual de ctrl+alt+supr finalizar proceso, e non lle daban os coñecementos da materia pra tanto. Claro que o núcleo era a parvada adolescente, pero algo había de protesta contra un sistema educativo que non estaba a garantir a calidá educativa. Entón si, as persoas trans son, no imaxinario colectivo da cultura occidental [vii], unha cuestión tabú asociada a noxo, monstruosidade, lesa hombría, etc. O gracioso é que, e cito textualmente do informe anual 2025 da páxina web pornhub: «The world’s most popular categories don’t often change too drastically. Over the years, Lesbian, Transgender, MILF, Anal, and Mature have generally conquered the top five spots». No 2025 foi a segunda categoría máis consumida, mundialmente, nese sito web de porno xeralista.
¿Inda non caedes no de G.E.R.A.? Veña, damos outro paso. Temos a unha cultura occidental que fai un tabú da transexualidade, pero despois consume felmente pornografía protagonizada por persoas trans. A «T» do colectivo LGTBIQ+. A disidencia máis material e tanxible do sistema sexo-xénero. Tan material e tan tanxible que, nos casos de compleción do proceso, pasan polo quirófano. O sistema sexo-xénero, como impagable ferramenta teórica, foi desenvolto no sen da teoría feminista. ¿Quer eso dicir que as persoas trans son daquela benvidas nos feminismos? Pois resulta que si e non, porque o plural non é inocente. Existen muitos feminismos, fruto das diversas posturas adoptadas en torno ós múltiples debates afrontados. Un deses debates é o do suxeito político do feminismo. ¿De quen se ocupa o feminismo, a quen incumbe e qué lle incumbe? Eu, que son un varón máis ou menos cis, considérome suxeito político do feminismo, como tamén da defensa do desenvolvemento sostible anque non seña un urogallo en serio perigo de extinción. Pero non todo o mundo o ve así, e con «T» de TerribleTerror noméase unha facción que defende que o suxeito político do feminismo son as mulleres, as mulleres de verdá; defenden que o acceso ó parapeto do feminismo ven marcado xenéticamente, é unha cuestión de cromosomas [viii]. Con «T» de TerrorTerribilísimo traba trabois a etiqueta T.E.R.F., siglas de (¡¡xa case chegamos!!) Trans Exclusive Radical Feminism. Feminismo Radical Transexcluínte. Feministas que exclúen a persoas que, pra feminizarse, botaron varios anos de tratamento hormonal e, nalgunhos casos, pasaron por ciruxías de orquiectomía (extirpación dos testículos), vaxinoplastia, mamoplastia e demáis. Excluirme a min, OK, paréceme un fallo gordo no pensamento sistémico, pero bueno, non é algo tan… persoal. Pero excluir a unha persoa cuxo proxecto de vida foi, nun grado ou noutro, converterse en muller, por non ser unha muller de verdade… É perverso.

Ben, chegamos. Fin da introdución. Estamos na web de Axuntar, sección Trabadeladas. E todo o anterior foi, a máis de pura diversión autorial, base pra formular a seguinte cuestión: ¿cal é o suxeito político do asturianismo? Por asturianismo entenderemos un hipotético movimento que defenda os intereses das persoas asturianas. Por persoas asturianas entenderemos as persoas administrativamente asturianas. Distinguimos, entón, con Gustavo Bueno, a nación política da nación étnica. Asturias, por ende, como Galicia e o resto de entidades que poidamos traer a colación (provincias [León], comarcas [Bierzo]…), son categorías ADMINISTRATIVAS, non naciois, no marco (impepinable nos tempos actuais, e terían que pasar cousas very chungas pra poder pepinalo) da nación política España, tamén, por certo, categoría administrativa; pola que tampouco é que sinta eu un fervor particular: non vexo por qué habería sentilo, son simplemente as reglas do xogo, tampouco o sinto polas categorías {nacer no 91} ou {medir metro oitenta}, porén hai quen si sinte fervor por esa clase de cousas que che vein impostas e simplemente son así e punto. Pois, entendidos así os conceptos, eu considérome suxeito político do asturianismo. Pero resulta que nos discursos e as prácticas do real asturianism non me queda tan claro.
Cómpre facer aquí outro breve excurso teórico por eso das naciois étnicas. Agrupar persoas pola etnia (¿?) e considerar ese factor como base dun dereito de autodeterminación nacional. Etnia kurda, etnia galega, etnia asturiana, etnia berciana. Etnia, na RAG: ‘conxunto de individuos humanos que posúen unha serie de caracteres físicos, unha cultura e unha lingua común, e que adoitan compartir o mesmo hábitat’; na RAE: ‘comunidad humana definida por afinidades raciales, lingüísticas, culturales, etc.’; na ALLA: ‘grupu humanu [con asemeyances llingüístiques, culturales]’. Aquelo de ser unha nación sen estado, que tanto se oi, por exemplo no caso kurdo, xitano, catalán. Diría que pouco práctico, e xurídicamente deleznable: o bon do estado-nación política (e ollo, que un dos alicerces do meu pensamento político é o anarquismo, non son eu estatista a ultranza precisamente) é que, funcione millor ou peor, as categorías étnico-raciais son en teoría inoperantes. Esas categorías son operantes en estados de merda fundamentados ou tratados de fundamentar en naciois étnicas: a Alemania nazi, a Galicia que querían Risco ou Murguía, a Asturias que quería Conceyu Bable ou a que proxecta VOX. Repasamos: Vicente Risco afirmaba en el problema político de Galicia (1930) que «las principales tareas políticas del galleguismo pasaban por “reivindicar la personalidad racial” y “defender la cultura autóctona”», e en Mitteleuropa (1934) que «el “mestizaje de las culturas” es “esterilizador” y aniquilador de la “personalidad individual y colectiva”, no pudiendo darse más que en “pueblos inferiores o en pueblos decadentes”»ix. Murguía recoñecía o elemento racial céltico («vástago fecundo de la fértil rama ariana»x) no campesiñado que vía nos mercados. Conceyu Bable (base do asturianismo que hoxe permea as nosas instituciois), constantes no seu vencellamento de identidade, cultura e lingua asturianas, publicaron un artigo no número 291 de Asturias Semanal (4/1/1975), no que aseveran que o seu concepto de lingua asturiana «nun ye puramente el llingüístico, sinon el social», daquela chaman bable ó «conjunto de llingües que se dan (con mayor o menor diferenciación, “pureza”) en el territorio llamáu Asturias, y que se oponen, como pertenecientes a una región […] a otres llingües de distintos rasgos que se dan nel restu d’eso que llamamos España» (a grosa é nosa). A deputada e portavoz de VOX na Xunta Xeral no Principado, Carolina López, saíu no telediario da TPA a finais do ano pasado provocándome un Terrexío con T de Terribilísemo Terror denunciando o relato ficticio do goberno sobre o crecemento Demográfico en Asturias: «En el último año tenemos 12277 extranjeros más y casi 5000 asturianos menos». Retomando, e desta volta xa si que si, reformulamos a pregunta: ¿son eu considerado polo asturianismo real parte do seu suxeito político? ¿e a ciudadanía do Eo-Navia? ¿Pode ser a resposta o seguinte cuadro? (Recordemos a asociación, de raigañu romántico-idealista alemán (Herder, Von Humboldt, Fichte), reforzada despois pola hipótesis Sapir-Whorfxi, que defendeu abertamente o asturianismo de Conceyu Bable, entre identidá/cultura/lingua asturianas):

É así que, co exemplo, con T de Trangalleiro, do T.E.R.F. na cabeza, din en arcuñar un acrónimo a partir dese cadro, no que o signo «-» aparece onde aparece o vocablo «galego». O que nos pode excluír da asturianidá é a nosa hipotética galeguidá. Dúas posiciois irreconciliabeis. Así, o asturianismo actual, como mínimo o oficial (incardinado nas instituciois: Xunta, ALLA…) queda definido como G.E.R.A.: Galician Exclusive Radical Asturianism-Asturianismo Radical Galegoexcluínte. O cal é paradóxico, posto que esto que exclúe por galeguidá, e que o galeguismo se apropia pola mesma razón, dende as súas perspectivas de naciois étnicas, pode únicamente ser administrativamente asturiano dentro da nacionalidá española. E un movimento que pretende defender os intereses asturianos pero non conta como suxeitos políticos ás persoas asturianas (categoría, insisto, administrativa)xii nacidas en Paraguay (como fai VOX) ou ás persoas asturianas ás que acusan de considerarnos étnicamente galegas (como fai o G.E.R.A.)… é perverso. E lémbrame, noutra escala, ó lavabo minúsculo da casa de meus pais, que, querendo supostamente millorar a situación, acaba ciscándol todo e a xente enfadada.
{i] A RAG aplica unha política curiosa con este termo (e con outros cantos: grabar, grada, grial, grinalda,
grisáceo, grulla, por poñer exemplos con gr-) que, intúo, unha inmensa maioría das persoas galegofalantes
decimos… grifo. Forma parte desos castelanismos escollidos que, entendo que por consciencia do
descoñecemento da forma vernácula [pode que caia unha trabadelada futura sobre esto da vernaculidade]
por parte dos falantes reais do presente, recollen no dicionario baixo as formas «grifo1: FORMA CORRECTA:
billa» e «grifo2 FORMA CORRECTA: grifón».
[ii] Exerzo a miña libertá unha vez máis con esta palabra, que é, no meu idiolecto, creo que a única que se
escribe con Y e non con LL. Nalgún lugar escribirei carallo, nalgún outro carayo, e afluímos a ese ditame
da zona palatalizadora do Eo-Navia que conta algo así como que cando a guerra, cos homes no frente,
alguén, tal vez un funcionario do bando nacional, extrañado de ver ás mulleres nas leiras sachando rego
tras rego (como se aquelo fose novedá, como se a miña avola Angélica non ganase ca gadaña a tódolos
homes de Turía), preguntou «¿y cómo es que están las mujeres arando?» e respondéronlle «nun tan os
homes, tein que arallo elas», que, contado como chiste, pronúnciase «tein carallo elas».
[iii] Tamén ‘nave, navío | techo | gran antorcha | meteoro ígneo en forma de viga | [en pl.] obeliscos’. Será por
polisemia.
[iv] Grupazo. Creadores da etiqueta post-folk en Asturias, e dunha canción infantil increíble cun melandru
(porcoteixo) como protagonista: soy piquiñín y trabáuuuuuu, ya ando siempre espelurciáuuuu… tengo el
focicu afiláuuuuuu, pa golisquiar pelos prauuuuuuus…
[v] Retranca, por certo, é un desos termos que damos por bos na tradición romántico-idealista das culturas,
pero fronte ó cal estame nacendo un sano escepticismo. Se retranca é o das tiras cómicas de Luis Davila,
tamén é retranca o de Nardo e Quina, e tamén o de Sturmtruppen de Bonvi.
[vi] Menos cando deixan de selo. Tomade retranca. Pero, cando deixan de selo, é a propósito, que quede claro.
[vii] ¡Ai, a kultur! ¿Qué pesa máis en Rosalía XXI? ¿A catalanidade, Camarón de la Isla, Lorna ou Bart
Simpson? ¿E en Rosalía XIX? ¿As augas do Sar ou as do Rhin? Limitándose á súa novela La hija del mar,
Vázquez Vidal (2019) sinala influencias do mito literario de Don Juan Tenorio, Espronceda, Gil y Carrasco,
Fernán Caballero, Teresa de Ávila, Catalina de Rusia, Safo, Xoana de Arco, Lord Byron, B. Saint Pierre,
Chateaubriand, Dumas, Victor Hugo, Delphine de Girardin, George Sand, Madame de Staël, Rosa Bonheur,
Balzac, Heine, Hoffmann, Goethe, Hölderlin, Shakespeare, Walter Scott, Charlotte Turner Smith, Maria
Susanna Cummins, Edgar Allan Poe, e algunha outra que require ulterior investigación. ¡Ai, a kultur!
[viii] Aducen que «sin una identidad coherente y unitaria las mujeres no podrían unirse como mujeres para
formular y perseguir los objetivos de su lucha política» (Hermoso, V. (2022). Xenofeminismo. Hacia una
política de género posthegemónica. En Reverter, S. e Moliní Gimeno, A. (2022). La praxis feminista en
clave transformadora. Publicacions de la Universitat Jaume I. Servei de Comunicació i Publicacions, páx.
213-228. Páx. 213).
[ix] Citado en Polo Blanco (2021, páx. 306-307).
[x] O arianismo reivindica, grosso modo, a partir do descubrimento do sánscrito e os estudios indoeuropeos,
que no Indostán había unhos brahmanes que sabían a hostia de tódalas movidas, levaron ese coñecemento
a Europa, no sur houbo máis mestura e degradación da raza, no norte menos. A raza aria está máis próxima,
menos contaminada e degradada, daquela estirpe mítica que estaba máis próxima ca ningunha da
divinidade.
[xi] Reducida polas investigaciois posteriores en psicolingüística e neurociencia a unha versión muito feble
da proposta inicial. Nalgunha trabadelada futura tal vez pasemos por aí.
[xii] A ese «sentimiento de esos que llevas tan adentro / cuanto más lejos estoy, más asturiano me siento» que
cantaba Melendi («que no hay mejor sensación que respirar bien profundo cuando cruzas el Nalón»), pódese
opoñer aquel monólogo do personaxe de Federico Luppi no filme Martín (Hache): «No se extraña un país,
se extraña el barrio en todo caso, pero también lo extrañás si te mudás a diez cuadras. El que se siente
patriota, el que cree que pertenece a un país, es un tarado mental… ¡La patria es un invento! ¿Qué tengo
que ver yo con un tucumano o con un salteño? Son tan ajenos a mí como un catalán o un portugués. Una
estadística [estadística vén de estado, por certo], un número sin cara. Uno se siente parte de muy poca
gente; tu país son tus amigos, y eso sí se extraña».
