Introdución (proporcionada polo propio autor): Pablo Trabadelo está esta semana de xira pola súa Veiga natal. Onte estuvo no instituto, e fainos chegar este texto pra reflexionarmos. Este venres, ás 20h, estará na Casa de Cultura conducindo unha Polavila na Veiga na que poderemos afondar nestas cuestiois.

Onte á mañá fun ó instituto da Veiga e estoutro día en Masafer Yatta tiráronlle a casa a Khaleel outra vez máis. Eu son herdeiro orgulloso da casa de Ferreirous en San Andrés de Logares e do pronome –l, como Khaleel o foi antano dunha casa en Umm al-Khair (que o tradutor de Google traduce como ‘Mai de bondade’) e dalgún xiro dialectal que, non sendo falante de árabe e non habendo estudos dialectolóxicos no medio dun asedio peribélico, non podo darme o gusto de consignar. Pídoche آ سف, Khaleel. Fun ó instituto da Veiga porque o curso pasado fixen alí un estudo sociolingüístico, e quería presentar os resultados e falarlle á rapazada de diglosia e posverdade. Porque si, pra explicar a diglosia (doble) do galego en Asturias hai que acudir o concepto de posverdade, e pra explicar o concepto de posverdade podemos asomarnos á ventá e mirar, que seguro que algún exemplo vemos, ou recurrir ó exemplo cisxordán.
Khaleel naceu nesa casa cuxo nome non sabemos, e que, non tendo outro millor, nesa aldea de quinientos habitantes que ben podería ser a nosa Caridá (‘Mai de bondá’) e neste texto escrito polo herdeiro da casa de Ferreirous que se cadra é coetáneo do Khaleel (ímolo imaxinar así), chamaremos Bayt Ferreirous. A casa de Ferreirous foi orixinariamente unha palloza. Sabémolo, ou intuímolo máis ben, polos muros exteriores redondos. Alí onde son cuadrados cambia a pedra, sábese que foi unha expansión posterior. Temos documentos gardados nun baúl pequeno no faio de cando un avolo de meu avolo, aproximadamente, chegou de Sanzo, Pezós, e tomou propiedá da vivenda, e dende esa vai pasando, como un xen ou un pronome máis, cento e pico anos (tería que revisar a exactitú das datas, pro a efectos prácticos do texto abonda), a través dos mecanismos da bio(necro)política estatal: casamento, concepción, o parto imposible de tres días de miña mai, os cartos do tío de Cuba, notaría, funeral.
Bayt Ferreirous pode perfectamente levar randeando dunha cana da árbore de cromosomas de Khaleel outros cento e pico anos, e probablemente terían un prezado baúl que se perdeu entre as ruínas dalgún dos derrumbes no que gardarían as escrituras por se un día tían que se ver de frente co catastro (que todo dios sabe que é… temible). Non podemos comprobar cómo eran os muros, se rectos ou redondos, que nin o cabazo* lles deixaron en pe, pro tanto lles ten ir ó xuzgado que non ir, porque no catastro sae claramente que esa parcela non é deles. Aquelas terras son do exército israelí, dende sempre, e as casas desas quinientas persoas foron construidas ilegalmente. אמת–וסטפ. Ai si, contra a lei de deus e de dios e de xeobá e do catastro e dos agrimensores do Nilo, que foron quenes empezaron con estas movidas (millor dito, pasaron á historia como os primeiros…). Post-emet.
Eu onte á mañá fun ó instituto e faleilles da ال ح ق ي قة ب عد ما e da diglosia: pedinlles que me erguesen a mao quenes utilizasen a fala na casa, e das trinta e pico persoas que alí había erguéronse unhas vinte maos, seguido quenes a utilizasen no instituto, e erguéronas cinco; pregunteilles se o euskera podía ser a lingua propia de territorios fóra do Pais Vasco, e ergueron a mao cinco ou seis, pregunteilles se o francés, e erguéronse todas as maos agás cinco ou seis**. E pregunteilles se sabían o que era a mā baʿd al-ḥaqīqa e como non o sabían faleilles de Masafer Yatta, que é como quen di «faleilles dos Oscos». Ai si, hai cousías que pasan alí, que tamén suceden aquí (quen me coñeza pode imaxinar o tono enfático, como de bruxa cantando). Porque aquelos OscosdeIsraeldeCisxordania pertenecen ó exército do país por mor do ben común, por unha estratexia de estado (aquí o tono é igual pero ca bruxa cun pe no trance, como o de Ilda de Ferreirous increpando no marido ou porfiando na mesa), é o que hai e amais éche o que hai e ademais esa é a verdade a verdade fría e enxuita a verdá que nun bota xotas a verdá institucional das instituciois de verdade que son as que administran a morte (necropolítica) como nós incorporamos os seus ditames na vida (biopoder).
Esta referencia a Paul B. Preciado recórdame a conversa cunha das profesoras que me axudaron a organizar o acto. Entre que a rapazada chegaba e non chegaba (aviso a quen teña que dar unha charla nun centro educativo: a hora de despois do recreo nin dura os 60’ da verdade física nin os 55’ da постправда institucional, dura máximo tres cuartos de hora de teen empowerment (раcширение прав и возможностей подростков***) tuven falando con esta profesora, oriunda dos Oscos e «¡falante, como todo o mundo nos Oscos!» (outra con tono enfático). «Pero eu… tamén digo que galego non é». Voume parafrasear: cando o poder, na súa forma de sempreverme, fai de nós un nío acabamos mesmo respetando os límites de velocidá que decindo que no Quebec falan quebequense e que o quebequense non é francés. O primeiro fai máis probable a nosa supervivencia, o segundo prende identitarismos estúpidos que, en pasándolle unhos cantos elos á cadea, fai de nós colonos sionistas. A diferencia non é de sustancia (é a mesma merda, quero decir). A diferencia é de grado.
Resulta que teño un vicio intelectual cativísimo, que ca axuda das pluscuamnovas ou semprenovas ou requetenovas-tutiplén(todochén) tecnoloxías agrávase (imaxinade a Borges con acceso a ChatGPT, ou non habendo quedado cego cando ol puxeron a traballar na biblioteca nacional): o puto do pensamento sobreinclusivo. Quero decir, que puidera ser que con tanto circunloquio non quede claro o núcleo semántico do texto.
O núcleo semánico do texto é: «por unha estratexia de estado».
*Cabazo, por certo, saíu nel Pico da TPA este luis, e non o acertaron. Non saíu, evidentemente, na sección Palabres Prestoses, «donde buscamos una palabrina en asturiano».
** Na investigación preguntáralles se o galego pode ser lingua propia de territorios fóra de Galicia, e o 50 % díxome que non, o 25 % deron respostas ambiguas ou non responderon ou dixeron que non sabían, e solo un 25 % dixo que si.
***Según un estudo da organización Rutgers International (2019), o 90 % da mocedá rusa descoñece o termo empoderamento. De aí a escolla dunha fórmula tan… institucional… prá tradución dalgo que soa tan… pimpante… como TEEN EMPOWERMENT, BRO.